Wednesday 08 de May de 2024

A Coruña acollerá do 1 ao 3 de setembro o XII Festival Artes pola Integración


Terá como sedes os Xardíns de Méndez Núñez, o Centro Ágora e a praza da Constitución e todos os espectáculos serán de balde

Consolidado como referente das artes inclusivas en Galicia, o festival pretende visibilizar proxectos de persoas con e sen diversidade funcional e favorecer a integración de colectivos en risco de exclusión social

Entre os días 1 e 3 de setembro terá lugar na cidade a XII edición do Festival Artes pola Integración. Este encontro de artes inclusivas pretende visibilizar proxectos e persoas con talentos artísticos non comúns, acotío excluídos socialmente. Creado en 2012, é o máis veterano de Galicia e o que leva máis edicións consecutivas.

O festival desenvolverase este ano en tres sedes: os xardíns de Méndez Núñez, o CentroSociocultural Ágora e a praza da Constitución. “A elección destes tres espazos públicos tenque ver coa intención do festival de visibilizar non só o talento de persoas con diversidade funcional ou pertencentes a outros colectivos en risco de exclusión social, senón de utilizar tamén lugares e recintos distintos dos tradicionais para a expresión artística”, explicou a concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, quen destacou a importancia do festival como “ferramenta para favorecer a integración de colectivos en risco de exclusión social a través das artes escénicas, visuais, narrativas e plásticas”.

A directora do festival, Carlota Pérez, subliñou que a temática do festival vira este ano arredor da comunidade e o territorio e destacou a calidade das propostas artísticas. “Artes pola Integración busca en todo momento propostas escénicas de calidade seleccionando espectáculos programados en festivais destacados e en rede cos gañadores do festival Escena Móbile e co festival Fiver”, explicou.

Ademais da colaboración do Concello, Artes pola Integración conta co apoio do Ministerio de Cultura, a Deputación da Coruña, Sacra Experience, Gadis e Hijos de Rivera.

Programación

O festival comezará o venres 1 de setembro, ás 19.00 horas nos Xardíns de Méndez Núñez coa presentación da peza teatral “O meu lugar!”, dirixida por Rebeca Ponte e Carlota Pérez e baseada na obra “A tempestade”, de Shakespeare. A continuación, ás 20.00 horas, ofrecerase a peza de danza “Tuétano”, a cargo da compañía de danza inclusiva Experimentadanza e ás 21.00 horas o espectáculo “Mordendo a verdade”, teatro, música, danza e poesía visual coa memoria das mulleres como fío condutor. Esta primeira xornada pecharase, a partir das 22.00 horas, cunha proxección de pezas de videodanza e
diversidade desenvolvidas en colaboración co Festival Internacional de Videodanza en España (FIVER).

O sábado 2 de setembro, as actividades do festival trasladaranse ao Centro Sociocultural Ágora onde, a partir das 16.00 horas e durante 15 días poderá verse a exposición “A mocidade crea”, composta por fotografías, artes plásticas e videocreacións ao longo de dous anos de traballo. Das 16.00 ás 20.00 horas será a quenda da Asemblea Diversa, escenario de distintos relatorios de expertos nacionais e internacionais arredor das artes terapéuticas e o valor dos museos como espazos de arteterapia. A xornada do sábado no Ágora pecharase con dous espectáculos. Ás 20.00 horas, danza a cargo da compañía Yurdance con “The sound of the void” e ás 20.30 a Big Band Basket Beat co seu espectáculo de pelotas de baloncesto.

O festival chega ao seu fin o domingo 3 de setembro das 17.00 ás 20.00 horas cun concurso de pezas aberto á comunidade creativa na praza da Constitución. Trátase dunha convocatoria aberta para creadores/as dun mínimo de dous e un máximo de catro intérpretes de propostas de danza, música e teatro que aglutinen persoas con e sen diversidade. Cunha duración máxima de 15 minutos, un xurado de expertos seleccionará dúas pezas que recibirán 500 euros cada unha e unha peza que será a gañadora do premio do público que estará presente durante o certame. Para o concurso seleccionaranse un
máximo de 10 pezas e tres delas serán gañadoras.